Sunday 05 de May de 2024

O alcalde de Frades celebra a saída a licitación da senda peonil no núcleo de Vista Alegre, na parroquia de Galegos


O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou o anuncio de contratación mediante procedemento aberto das obras de mellora da seguridade viaria na estrada DP-3802 Ordes-Ponte Carreira ao seu paso pola localidade de Vista Alegre, parroquia de Galegos (Frades). Unhas obras orzamentadas en 149.159.10 euros e que teñen un prazo de execución de seis meses.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, celebra “a saída a licitación dunha obra demandada dende hai varios anos polo Concello de Frades, polo que temos que agradecerlle unha vez máis ao Goberno da Deputación da Coruña que respetara o compromiso aprobado polo anterior presidente, Diego Calvo, con esta obra tan necesaria para os nosos veciños e veciñas”. Así llo trasladara o alcalde ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, durante a reunión que mantiveron o pasado mes de xuño. Un encontro do que aínda queda pendente un segundo compromiso urxente: o arranxo das beirarrúas que unen o núcleo de Ponte Carreira co CPI Ponte Carreira.

Este proxecto, que conta cun orzamento de 149.159,10 euros, inclúe a construción dunha senda peonil con bordo de formigón cunha lonxitude de preto dun quilómetro e 1,80 metros de ancho. De forma previa ás obras da senda, canalizaranse os servizos existentes con tubaxe de PVC, soterrarase a instalación necesaria para a iluminación pública e executaranse 23 arquetas con sumidoiro e tres pozos de rexistro para a recollida de augas pluviais.